Comunidade de montes de Marcón

O monte veciñal de Marcón ocupa diversas parcelas distribuídas polo ámbito parroquial dende o cumio da Serra da Fracha ata case o núcleo urbán de Pontevedra, sendo as de maios superficie os Montes Loureda, Beleitar e Portela e o Monte Carrasco.

Sen dúbida, o Monte Loureda é un dos espazos forestais máis atractivos do Concello de Pontevedra onde se mestura as masas naturais existentes nas propiedades particulares cos espazos restaurados pola Comunidade de Montes logo do lume que asolou o monte no ano 2006. As plantacións con frondosas mesturadas coas masas recuperadas de piñeiro logo do lume, constitúen un espazo único. No seu cumio o Parque Forestal Outeiro do Navío acolle as persoas que queiran achegarse a pasar un día na natureza ofrecendo servizos básicos. 

O monte Beleitar e Portela alberga no seu interior un parque empresarial mais tamén importantes achados arqueolóxicos coma o conxunto de mámoas e petroglifos de Outeiro Redondo. Por baixo da estrada que vai a Ponte Caldelas, unha plantación de castiñeiros sobreviviu ás lapas do ano 2006 e constitúe a masa de maior superficie desta especie no Concello de Pontevedra. 

Logo do gran incendio forestal que afectou ao monte veciñal no ano 2006, a súa restauración realizada ao abeiro do programa MONTE VIVO do Concello de Pontevedra, permitiu continuar coa labor de introdución no monte de especies de frondosas caducifolias que xa comezara a Comunidade de Montes pola súa conta. 

A Comunidade de Montes conta cun centro social no lugar de Pintos que é un importante centro de actividades colectivas da parroquia. 

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto