Comunidade de montes de Mourente

Os montes Peneirada, Amproa, Castro ou Xanin, Vilaverde, Montiño, Freixeiro e Montecelo foron clasificados como veciñais en man común dos veciños de Mourente,  o 11 de decembro de 1981 cunha superficie de 27,9 ha. Posteriormente solicitouse a ampliación cara o norte da parcela Castro Xanín (13,7080 ha.) e a clasificación de Montecelo, mais esta última foi denegada polo que a defensa da Comunidade de Montes do integridade do monte veciñal continúa aínda hoxe en día na reclamación desta parcela. Campo de Cons e As Aceñas, sobre o río Lérez, son outras dúas parcelas do Monte Veciñal. 

O monte veciñal esconde un importante patrimonio cultural arqueolóxico: o Castro da Raxeira, aínda que bastante desfigurado por antigas explotacións de pedra. 

A meirande parte do monte veciñal está arborado predominando o castiñeiro, que se alterna con masas de pino e eucalipto, así como de diferentes especies de frondosas caducifolias, como o carballo, cerdeira, bidueiro, etc. 

Tamén teñen cabida no monte veciñal de Mourente diferentes equipamentos xa que nas últimas décadas da súa titularidade municipal e aínda despois, con frecuencia os montes veciñais eran empregados como reservorios de solo destinado á infraestructuras. Así hoxe en día o Monte veciñal de Mourente alberga o Complexo Hospitalario de Montecelo, as instalacións dos GDR da Garda Civil, antenas de telecomunicacións e liñas de tendido eléctrico e un macro depósito de auga para o abastecemento da Ría de Pontevedra. 

Tamén o monte veciñal presta servizos aos veciños e, ante a falta de abastecemento de auga doméstica son numerosas as traídas veciñais que constitúen un dos bens máis preciados dos veciños dos servizos que lles reporta o seu monte veciñal. 

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto